Friday 17 de May de 2024

Todo listo en Mesón do Vento para vivir esta fin de semana a XVII Festa do lacón con grelos


En total serviranse arredor de 550 quilos de lacón e carne e 850 de grelos. O programa inclúe exhibicións de gando probas da Agility canino, mostras de maquinaria agrícola e vehículos de ocasión, probas de arrastre e trote, disfraces, música, baile e, por suposto, degustacións gastronómicas

5 marzo 2015. Un ano máis Mesón do Vento acadará toda a atención en materia gandeira e gastronómica, debido á celebración esta fin de semana da que xa será a súa XVII Festa do lacón con grelos. En total serviranse arredor de 550 quilos de lacón e 850 de grelos entre os establecementos e resaturantes da zona. Coma anos anteriores tanto o Concello de Ordes como a asociación de veciños, entidade colaboradora na organización desta cita, agardan a visita de milleiros de persoas á que xa é unha das citas gastronómicas máis destacadas de toda a provincia.

Na primeira xornada as portas do recinto feiral abrirán dende as 10 horas para exhibir un gran número de cabezas de gando e de maquinaria agrícola, así como unha exposición para venda de vehículos de ocasión. En total serán máis de 60 cabezas procedentes non só de distintas zonas da xeografía galega, senón tamén chegadas doutros países como Holanda ou Alemaña, con exemplares destacados para a produción leiteira. Tamén estará a Asociacón de Criadores de Rubia Galega (ACRUGA), e criadores de raza Cachena procedentes da parroquia anfitriona de Ardemil. Xa pola tarde realizarase un desfile e concurso de disfraces con máis de 1.000 euros en premios e que contará con máis de 20 inscritos en diversas categorías. A festa e a diversión reinarán tamén durante a sesión vermú e a verbena, para o que se contará coa actuación en vivo de grupos musicais.

Xa o domingo a partir das 10 horas o Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes marcará o inicio da xornada máis destacada. A partir das 11, e como novidade, iniciaranse as probas de agility canino no que participarán unha ducia de cans de diversas razas. Un espectáculo canino no que se porán de manifesto a habilidade dos cans e as dotes de mando dos seus amaestradores. Á media mañá as racións e bandexas de lacón con grelos comezarán a repartirse de balde polos bares e establecementos do Mesón do Vento. Á mesma hora disputaranse as probas de andadura federada galega de 2 e 4 tempos e as carreiras de trotadores, nas que se repartirán máis de 1.000 euros en premios entre os mellores clasificados. Todo iso animado pola música e a festa que traerá consigo a sesión vermú.

Non serán as únicas competicións xa que tras o xantar tamén terán lugar probas de trote e andadura de trotadores e de arrastre cabalar. A partir das 20 horas, e xa para concluír, unha actuación musical porá o punto e final á festa neste último día de celebración.